06/05/09

O Curuxás, o guerrilleiro que Franco non cazou

A presentación do libro foi unha das actividades arredor do Día da República 2009, organizadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. O 21 de abril, na Casa Museo de Casares Quiroga, na rúa Panadeiras (tristemente baleira, pois os libros que se salvaron da queima durante o fascismo están na Biblioteca Miguel González Garcés), escoitamos ao autor, Carlos Parrado, falar sobre este "home de prontos violentos, pero inmensamente bo", e ao director literario de Edicións A Nosa Terra, Xosé Enrique Acuña, quen salientou o traballo de Parrado, tanto a través da recolla de material de arquivo e hemerográfico como a través da tradición oral.
Parrado lembra o Curuxás como un personaxe referencial, xa dende a súa infancia. Fuxiu ao monte no 36, e case un ano despois atraca unha mina (estaba afiliado ao Sindicato de Mineiros e Oficios Varios de Lousame). Matou un garda civil e un sacerdote, e a pegada do mito non tardou en espallarse pola comarca da Ulloa. Foi un dos escasos guerrilleiros que morreu de morte natural, no 67, e aínda hoxe segue a ser unha lenda.

1 comentário:

  1. Dende Palas compartimos o interese pola figura do noso veciño Ramón Rodríguez Varela máis coñecido como Curuxás. Estivemos traballando un pouco sobre el e redactamos unhas entradas no blog onde mencionamos esta entrada.

    http://ciencianocaminho.blogspot.com.es/2013/01/descubrindo-curuxas.html

    Un saúdo dende A Ulloa.

    ResponderEliminar